Petición ao Defensor do Pobo para a retirada das Cruces dos Caídos en aplicación da Lei de Memoria
Petición ao Defensor do Pobo para a retirada das Cruces dos Caídos en aplicación da Lei de Memoria / Manuel Monge

Manuel Monge, membro da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica de A Coruña, dirixiu unha petición ao Defensor do Pueblo, Ángel Gabilondo, no que solicita que inste ós gobernos municipais de Vigo, Neda e Dueñas para a retirada das Cruces dos Caídos nos seus concellos, en cumprimento da Lei de Memoria Democrática
 

Son familiar e vítima do franquismo. Como preso político estiven dúas veces no cárcere (en Basauri en 1968 e A Coruña en 1973), detido dúas veces na Comisaría da Coruña e despedido por motivos políticos como mestre do Colexio Tirso de Molina de Ferrol en 1973 e do colexio público Ibáñez Martín de Ferrol en 1974.

Como membro da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH) e como sociólogo, teño publicado traballos de investigación sobre elementos contrarios á memoria democrática, como sinala o artigo 35.1 da Lei 20/2022 de 19 de outubro de Memoria Democrática. No meu libro “Os restos do franquismo en Galiza. Exaltación, honras, privilexios e distincións a golpistas, franquistas e criminais” (Edicións Laiovento 2020), así como en artigos publicados en diversos medios de comunicación, recollo datos sobre numerosas cruces dos caídos que aínda perviven por toda Galiza.

Quero, en primeiro lugar, felicitarlle polo escrito, coñecido en xaneiro de 2024, que enviou ao goberno municipal de Elche –despois dunha petición en setembro de 2023 do PSPV de Elche–, instando á retirada da cruz dos caídos do Paseo de Germanías desa cidade: “Es un elemento contrario a la memoria democrática y a la dignidad de las víctimas que deben ser retirados o eliminados”. “No hay ningún elemento más allá del testimonio del ayuntamiento ilicitano” [PP-Vox] que respalde a “resignificación” do monumento franquista como un suposto símbolo da “concordia”. “El hecho de que el monumento no tenga ninguna inscripción no excluye de forma automática que tenga un significado contrario a la memoria democrática, pues, como es obvio, los propios elementos arquitectónicos pueden tenerlo por sí mismos sin necesidad de evidenciarlo con una placa o una inscripción. Así, el significado que ese ayuntamiento trata de dar del monumento no parece coincidente con la realidad social e histórica que este tiene en el municipio de Elche. Hay que tener en cuenta que el sentido que la alcaldía, o la mayoría actual de ese ayuntamiento, quiere dar hoy al monumento no le despoja de su real significado”. “El monumento mantiene el significado atribuido con ocasión de su construcción en 1944 y no suscita el consenso social necesario que permitiría su permanencia en el espacio público”. Comparto tamén o posicionamento do grupo municipal do PSPV de Elche que acusaba a PP e Vox de enmascarar un monumento franquista como un símbolo da concordia.

VIGO

Deben retirarse as cruces que non teñen textos, nomes de “caídos” ou símbolos franquistas porque prima o significado ou obxectivo polo que foron levantadas: exaltación dos caídos no bando dos vencedores. O concello de Castellón (alcaldía do PSOE), despois de catro anos de contenciosos xudiciais, retiraba a cruz dos caídos do Parque Ribalta o 4 de xaneiro de 2023. En 1979, con alcaldía do PSOE, foi “resignificada” sustituíndo o texto “Caídos por Dios y por España. Presentes”, por “A las víctimas de la violencia”, mantendo a cruz, que é retirada agora en aplicación da Lei de Memoria Democrática (LMD).

A cruz dos caídos do Castro foi construída polo concello de Vigo a petición da xefatura local da Falanxe e inaugurada polo ditador Franco o 14 de setembro de 1961. Foi durante moitos anos lugar de celebración de actos de exaltación do fascismo. Abel Caballero (alcalde do PSOE con maioría absoluta) considera que esa cruz dos caídos xa non é un monumento de exaltación do franquismo, senón un símbolo relixioso. Seguindo o criterio do PSPV en Castellón, confirmado por sentenza xudicial, que coincide coa recomendación do Defensor del Pueblo para Elche, debería retirarse esa cruz de Vigo que foi “resignificada” e que agora ten unha placa coa inscrición “Polos mortos da Guerra Civil 1936-1939. 30 xuño 1981”.

NEDA (A CORUÑA)

Despois da sublevación de 1936 contra o goberno lexítimo da República, a Xestora municipal de Neda, imposta polo réxime franquista e presidida por Gerardo Luaces, tomaba o acordo o 3 de outubro de 1939 de construír un xardín na Toeleira, coñecido como “Xardín dos Caídos”, e colocar alí un monumento de exaltación do golpe de Estado do 18 de xullo de 1936. A Cruz dos Caídos ten a inscrición “Presentes. José Antonio Primo de Rivera”, e os nomes de 31 “caídos”.

El Correo Gallego de 17 de decembro de 1939 informaba da inauguración de «la Cruz erigida en memoria de los caídos en el Glorioso Movimiento Nacional entre los lugares denominados Tuileira y Coto». O acto consistiu nunha misa de campaña á que asistiron “las organizaciones de Falange Española Tradicionalista y de las JONS».

O Pleno de Callosa de Segura (Alacante) acordaba o 26 de xaneiro de 2017 a retirada da cruz dos caídos situada nun espazo público fronte ás portas da igrexa Arciprestal de San Martín, en aplicación da Lei de Memoria Histórica. Na cruz, colocada en 1942, figuraban os nomes de 81 persoas “Caídos por España”, e foi retirada en xaneiro de 2018. A sentenza do Xulgado do Contencioso Administrativo nº 1 de Elche de 15 de novembro de 2018, sinalaba: “La cruz fue erigida en honor y memoria de los vecinos de Callosa de Segura pertenecientes a la facción que resultó vencedora en la guerra y, por ello, se le debe atribuir una significación marcadamente política, con una finalidad distinta de la estricta manifestación de la fe católica«.

Despois de moitos recursos, unha sentenza da Sala do Contencioso Administrativo do Tribunal Supremo (TS), coñecida en decembro de 2023, que crea xurisprudencia, desestimaba o recurso da “Plataforma Ciudadana en Defensa de la Cruz” e avalaba o acordo municipal.

Sinala a sentenza que esa cruz “supón exaltación da sublevación militar, da Guerra Civil e da represión franquista”. “Estamos ante un símbolo relixioso –cruz que contén elementos que impiden recoñecerlle un valor neutral como mero símbolo artístico ou artístico-relixioso. Pola contra, a súa presenza nun espazo público permite apreciar un acto de exaltación en canto contribúe a realzar o mérito daquela contenda civil coa inclusión da listaxe de falecidos dun só bando que, implicitamente, tamén conleva a reprobación do bando contrario na percepción social”.

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) presentaba unha moción no Pleno de Neda de 28 de novembro de 2022, que tiña como primeiro acordo: Retirada inmediata do monumento falanxista da Toeleira coñecido como “Cruz dos Caídos”. Non foi aprobada esta proposta porque o PSOE (ten a alcaldía con maioría absoluta) presentou a seguinte emenda, que foi aprobada: Proceder a la inmediata convocatoria de la Comisión Municipal de Memoria Histórica, a día de hoy de Memoria Democrática, a fin de que tras la exposición histórica realizada por los asesores, debatir y establecer las medidas necesarias: remodelaciones, retirada y sustitución, resignificación y demás que se estimen procedentes para a través del espacio donde se sitúa el monumento de la Cruz de los Caídos fomentar la concordia, de acuerdo a la dignidad de todas las víctimas. Todo parece indicar que o goberno municipal segue a reivindicar “concordia” e “dignidade” para as vítimas do franquismo, pero 14 meses despois o concello de Neda aínda non eliminou ese vestixio franquista, non cumpre a LMD, non aplica a sentenza do Tribunal Supremo e non atende as indicacións de Pedro Sánchez, Presidente do Goberno.

DUEÑAS (PALENCIA)

Dueñas tiña sobre 3.500 habitantes en 1936 e despois da sublevación contra o lexítimo e democrático goberno da República, foron asasinadas polo fascismo 125 persoas (25 mulleres). Miña familia sufriu, como outras moitas de Dueñas, unha criminal represión:

Pedro González Gazopo, de 33 anos, irmán da miña nai, Juliana González Gazopo. Celebradas as eleccións xerais en febreiro de 1936 co trunfo do Frente Popular, formou parte da Comisión Xestora Municipal, como concelleiro e segundo tenente alcalde por Unión Republicana. Despois dunha “saca” do calabozo municipal foi asasinado e enterrado na foxa de Villamediana (Palencia) o 24 de setembro de 1936.

David González Gazopo, de 22 anos, irmán da miña nai, acusado nun xuízo farsa de levar no taxi, que tiña a miña familia, a Sergio Martínez Caballero, “Veterra” (presidente e secretario da Casa do Pobo de Dueñas) e outros a Palencia a entrevistarse co gobernador civil. Despois do Xuízo Sumarísimo 210/1936 foi fusilado o 7 de xaneiro de 1937 e enterrado no cemiterio de Palencia.

Alfonsa González Barajas, de 66 anos, tía de miña nai, asasinada en Villamuriel (Palencia) o 31 de agosto de 1936.

Teófila Caballero González, de 42 anos, filla de Alfonsa González Barajas, e prima da miña nai. Tiña seis fillos cando foi asasinada en Villamediana.

O concello de Dueñas aprobaba a construción da cruz dos caídos no Pleno de 25 de novembro de 1941 para “perpetuar la memoria de los Caídos en nuestra Cruzada de Liberación”, que era inaugurada en outono de 1943. A cruz ten esta inscrición: DUEÑAS A SUS CAÍDOS. JOSÉ A.P. DE RIVERA. Nomes de persoas. 18 JULIO 1936 ABRIL 1939.

Meu sobriño Julio César Monge Diosdado, residente en El Salvador, enviaba un escrito ao alcalde de Dueñas o 29 de novembro de 2022 pedindo a retirada da cruz dos caídos de Dueñas, en aplicación da LMD. Pasados varios meses sen que o goberno municipal do PSOE retirase ese monumento franquista, meu sobriño puña estes feitos en coñecemento do Presidente do Goberno Pedro Sánchez, que daba esta resposta a través do Gabinete da Presidencia do Goberno:

«Queremos expresar, ante todo, nuestro más sincero apoyo y reconocimiento a todas las víctimas que, como sus familiares, sufrieron la violación de los derechos humanos en España durante la Guerra Civil y la Dictadura. Estamos convencidos de que la memoria democrática es imprescindible para seguir construyendo una sociedad más justa y en paz. Como sabe, la nueva Ley de Memoria Democrática ilegaliza todas las manifestaciones públicas de exaltación al franquismo, desde monumentos y placas hasta topónimos y nombres de vías públicas. Tanto administraciones como particulares serán objeto de sanción de no cumplir con esta normativa.

Comprobamos que usted ya se ha dirigido al alcalde y a la corporación municipal del Ayuntamiento de Dueñas. En todo caso, le sugerimos que se ponga también en contacto con la Dirección General de Memoria Democrática y exponga su petición. Comprendemos que ninguna ley puede compensar el dolor causado. Lo que esperamos es que con este paso se pueda por fin saldar una deuda histórica con todos los españoles y españolas y hacer un país más democrático. Le agradecemos de nuevo que haya compartido con el presidente sus inquietudes. Para él es muy importante conocerlas. Seguimos a su disposición y le enviamos un cordial saludo desde España”

No escrito que enviei ao alcalde de Dueñas o 27 de febreiro de 2023 para que retirasen a cruz dos caídos, dicía: “Es urgente esa toma de decisión porque el gobierno municipal de Dueñas debe pronunciarse sobre la campaña emprendida por la derecha y la extrema derecha desde el Gobierno de Castilla-León (PP-Vox), que pretenden conservar la simbología franquista convirtiéndola en Bien de Interés Cultural (BIC). Debe sumarse a la actuación del PSOE y Unidas Podemos, que ya denunciaron esta maniobra del gobierno regional para perpetuar la simbología franquista, infringiendo claramente la LMD”. Dicía tamén nese escrito: “Ya es hora de acabar con esta vergüenza para Dueñas que, además de una ilegalidad, es una humillación para las víctimas de la dictadura”. E acababa pedindo: “Aprobación por el pleno de la corporación municipal, antes de las elecciones municipales del 28 de mayo de 2023, del inicio del proceso para retirar la Cruz de los Caídos como monumento de exaltación del franquismo, que estará culminado antes de acabar 2023”.

Miguel ángel Blanco Pastor, alcalde de Dueñas con maioría absoluta, declaraba, referíndose á permanencia da cruz dos caídos: “Si a mí me dicen mañana que estoy incumpliendo la Ley, el primero en cumplirla seré yo, pero me lo tiene que decir alguien”. Por ese motivo, enviei un escrito ao Subdelegado do Goberno en Palencia o 15 de marzo de 2023 para que “recuerde a todos los ayuntamientos de la provincia de Palencia, también al de Dueñas, la obligación de cumplir la LMD y se apruebe en los plenos municipales la retirada de la Cruz de los Caídos”. O Subdelegado comunicábame o 4 de xullo de 2023: «Con esta misma fecha se ha dado traslado de su escrito al Ayuntamiento de Dueñas».

Por outra parte, este monumento de exaltación do franquismo xa foi incluído no Catálogo de elementos contrarios á memoria democrática, contemplado no artigo 36 da Lei 20/2022, de 19 de outubro, de Memoria Democrática, segundo confirmou a Subdirección de Axuda ás Vítimas da Guerra Civil e da Ditadura, da Dirección Xeneral de Memoria Democrática. Pero catorce meses despois da primeira petición ao alcalde de Dueñas, continúa a cruz dos caídos de Dueñas, incumprindo a Lei de Memoria Democrática e a sentenza do Tribunal Supremo.

Por todo o exposto,

SOLICITO AO “DEFENSOR DEL PUEBLO”

Que inste aos concellos de Vigo, Neda e Dueñas a que adopten as medidas necesarias, no prazo de tres meses, para a retirada das cruces dos caídos, en aplicación da Lei de Memoria Democrática.

Que inste a Pedro Sánchez, como secretario xeral do PSOE, a que adopte as medidas necesarias para a retirada de todas as cruces dos caídos en concellos con alcaldía do seu partido.

Moitas grazas pola súa atención, polo seu compromiso coa memoria democrática e apoio ás peticións das vítimas do franquismo.


Fuente → nuevarevolucion.es

banner distribuidora