Agrupación Republicana Feminina - A Coruña das Mulleres / Texto en Gallego
 

Agrupación Republicana Feminina - A Coruña das Mulleres / Texto en Gallego: A Agrupación Republicana Feminina, o espazo común das mulleres galeguistas e republicanas da Coruña, constituíuse oficialmente o día 13 de abril de 1933 previa xuntanza de disolución, celebrada o día 9 de abril, do subcomité coruñés da Liga Internacional de Mujeres. A primeira Xunta Directiva quedou configurada así:

Presidenta: Elvira Bao; vicepresidenta: Juana Blanco; secretaria: Amparo López Jeán; vicesecretaria: Blanca Dans; tesoureira: Celia Prego; vicetesoureira: Trinidad Villalón; vogais: Angela N., Manuela Díaz, Ramona Varela e Luísa Lens; vocais suplentes: Matilde Fraga, María Rey, Elisa Castelo e Amparo Patiño.

A agrupación, que posuía o local social na rúa García Hernández no 117, piso 1º (actual rúa de Santo André) tiña entre outros os obxectivos de contribuír á xustiza social, defender os dereitos das mulleres, traballar pola consecución dos aínda non recoñecidos e impulsar a cultura.

Nesta Agrupación figuran mulleres que destacaron pola súa actividade política ou profesional: Elvira Bao, Amparo López Jean ou María Barbeito…mulleres comprometidas coa causa da igualdade de dereitos, do acceso da muller á cultura, da súa dignificación. Moitas destas mulleres eran membros da sección feminina das Irmandades da Fala e outras proviñan do republicanismo coruñés.

Moito e variado era o traballo que realizaban para conseguir os seus fins, segundo o seu propio regulamento: contribuír por todo medio lícito ao triunfo da paz e fraternidade humana, da xustiza social e da democracia; contribuír ao sostemento e defensa do réxime republicano do Estado español; impulsar a cultura, especialmente a feminina, e dentro desta a cidadá, para o que se crearía unha biblioteca, celebraríanse conferencias e cursiños, estableceríanse clases, organizaríanse viaxes, etc.; practicar a beneficencia ou asistencia social en todas as maneiras posibles; defender e amparar a cada asociada se pedía axuda e estivese da súa parte a razón e a xustiza; establecer, se se considerase conveniente, formas de mutualismo e cooperación e procurarlles recreo e lecer ás asociadas por medio de concertos, recitais, proxeccións, excursións, etc.

“A Agrupación non estaría afiliada a ningún partido político, pero actuaría con tendencia francamente democrática, sen chegar ao extremismo, quedando as asociadas en completa liberdade para a súa actuación política particular” mais aínda que isto estaba recollido no seu regulamento o certo é que a Agrupación Republicana Feminina pertenceu á denominada Izquierda Revolucionaria y Antiimperialista (I.R.A.), da que formaban parte igualmente o Casino Republicano, o Partido Radical-Demócrata, o Partido Radical-Socialista, o Partido Agrario Radical, o Partido Galeguista, Juventud Republicana, o Partido Progresista e o Partido Conservador.

Vese así que o seu traballo era cultural e tamén político, politicocultural poderiamos dicir; asistían a mitins, denunciaban accións contrarias á democracia e a República… Unha das actividades alí realizadas que tivo máis suceso foi a conferencia impartida por María Barbeito, onde defendeu o feminismo “Estábamos alejadas de la mayor parte de los derechos de ciudadanía y no exentas sin embargo de ningún deber” e a coeducaciçon “se impone la coeducación, coco de pusilánimes y desconfiados, pero positivo acierto de la Pedagogía. E remataba a conferencia dicindo “Sed fuertes, sed serenas, sed generosas; no combatáis al enemigo,… no le cedáis un solo palmo de terreno, pero no le causéis un solo dolor inútil”. Malia as súas pacíficas palabras formará esta conferencia parte do prego de cargos contra María Barbeito formulados pola Comisión depuradora do Maxisterio da Coruña, que a acabará expulsando do seu posto de traballo por “haber actuado intensamente fuera de la escuela pronunciando conferencias en centros izquierdistas como Agrupación Femenina Republicana afecta a Izquierda Republicana manteniendo sus doctrinas izquierdistas que sostuvo en conferencias radiadas”.

(Foto da cabeceira: A Agrupación Republicana Feminina co Alcalde, Suárez Ferrín, a Santiago de Compostela, onde son recibidas de xeito oficial polo seu Alcalde Ánxel Casal)
Para saber máis:

banner distribuidora