Proyecto Faq Declaración ante a corrupción da monarquía e os manifestos de militares franquistas

miércoles, 23 de diciembre de 2020

Declaración ante a corrupción da monarquía e os manifestos de militares franquistas


Declaración ante a corrupción da monarquía e os manifestos de militares franquistas  

Nota de prensa:
Galiza pola República e polo dereito a decidir considera que a fuxida do rei Juan Carlos aos Emiratos Árabes Unidos, grazas a un plan acordado pola Casa Real e o Goberno, é un escándalo e unha vergoña internacional.

Non estamos ante “presuntos” casos de corrupción, senón diante dunha actuación corrupta continuada por parte da monarquía borbónica, recoñecida polo propio Felipe VI cando en marzo de 2020 comunica que renuncia a figurar como beneficiario das fundacións Lucum e Zalatka; e confirmada pola propia Axencia Tributaria que comunica, a petición do xuíz, que Juan Carlos non tributou por esas fundacións, bens e contas ocultas no exterior. Todo isto lembra a frase de Valle Inclán en 1931: «Los españoles han echado al último Borbón, no por rey, sino por ladrón».

A definida recentemente como “regularización fiscal” de Juan Carlos de Borbón, co ingreso de 678.393 euros, non é máis que o pago para conseguir a súa impunidade. Esiximos que se investigue as orixes da súa fortuna que moitos medios sitúan en 2.000 millóns de euros, así como de todos os membros da Familia Real.

Estes son algúns dos casos que apareceron en diversos medios de comunicación e que deberían ser obxecto de investigación xudicial: comisións cobradas pola compra de petróleo a países árabes, caso KIO, venda do Banco Zaragozano, tren de alta velocidade Medina-A Meca; regalos a amigas ou amantes; diñeiro entregado polo empresario Ruiz Mateos para evitar a expropiación de Rumasa; tarxetas opacas, maletíns con millóns de euros que traía de Bahréin e Kazajistán; millóns de euros regalados por Arabia Saudí etc. Juan Carlos de Borbón debería ser obrigado a regresar e presentarse ante a Xustiza para dar explicacións sobre eses casos de corrupción. Queremos que sexa xulgado por todos os posíbeis delitos cometidos antes de 2014, cando abdica, e despois de 2014.

Afortunadamente, a sociedade está reaccionando e mobilízase para acabar con esta monarquía caduca e corrupta. E tamén os concellos. O Pleno de Pontevedra de 13 de novembro de 2020, a proposta del goberno municipal (BNG-PSOE), aprobaba “iniciar o expediente para retirar a avenida Juan Carlos I, así como todo tipo de honores e distincións concedidas ao monarca”.

A monarquía Borbónica é herdeira do franquismo e Juan Carlos foi designado polo ditador Franco en 1969 como o seu sucesor na Xefatura de Estado “para que todo quede atado y bien atado para el futuro”. No seu discurso ante as Cortes aceptaba a lexitimidade da ditadura: “Legitimidad política surgida del 18 de julio de 1936”. Nunca denunciou durante 39 anos de reinado, tampouco Felipe VI, a ditadura criminal de Franco, que si foi condenada por Nacións Unidas.

Juan Carlos estaba agradecido ao ditador Franco e sempre manifestou que tiña un gran afecto e admiración ao ditador. Por iso seis días despois do falecemento de Franco concedía a súa familia as distincións de Señorío de Meirás e Ducado de Franco. As máis de 6.000 persoas asasinadas en Galiza despois da sublevación fascistas do 18 de xullo de 1936; as 200.000 persoas fusiladas en todo o Estado despois da guerra; as 750.000 en cárceres e campos de concentración; os corenta anos de terrorismo de Estado e ditadura criminal, eran definidos por Juan Carlos no Decreto de concesión deses títulos nobiliarios como “Gloriosa etapa histórica de nuestra Patria”.

Nos últimos anos son continuados as declaracións ou manifestos de altos mandos militares, que non respectan o funcionamento democrático, nin as decisións de gobernos que non son de dereitas, sen que houbese unha resposta contundente por parte dos sucesivos gobernos para frear este tipo de actuacións e pronunciamentos de militares nostálxicos do franquismo. Cómpre a destitución inmediata de todas as persoas militares que fan declaracións ou apoian manifestos franquistas contra o goberno ou de exaltación do fascismo, así como a retirada de todo tipo de distincións e privilexios económicos e militares a aqueles que, retirados ou en activo, participan neste tipo de pronunciamentos.

Denunciamos o silencio cómplice, a falta de resposta inmediata, de Felipe VI ante este tipo de pronunciamentos de militares franquistas, que coincide con declaracións de partidos da ultradereita que se mostran comprensivos, e incluso cualificaban a eses militares franquistas e golpistas como “nuestra gente”, sempre desde a súa fidelidade e apoio á Coroa.

* Galiza pola República e polo dereito a decidir está integrada polas seguintes entidades da comarca da Coruña: A.C. Alexandre Bóveda, A.C. O Facho, A.C. Irmáns Suárez Picallo, C.S. Gomes Gaioso, Cultura Aberta de Carral, C.S. A Comuna, Acción Antifascista, Anova, BNG, Corrente Vermella, En Marea, Equo, Esquerda Unida, PCG, Podemos, Propolis, Unión Republicana, Galiza Nova, Isca, XCG, Marea Atlántica, Vangarda Obreira, CIG, Compromiso por Galicia, CRMH.


Fuente → loquesomos.org

banner distribuidora

Declaración ante a corrupción da monarquía e os manifestos de militares franquistas Rating: 4.5 Diposkan Oleh: La Voz de la República
Publicar un comentario
Gracias por comentar
 
  • BR