
O Día da Galiza mártir lembra un ano máis, co
asasinato de Alexandre Bóveda como estandarte, as vítimas do franquismo.
Pórlles nomes e apelidos ás aínda anónimas é unha débeda co pasado,
mais tamén co presente. As continuidades silenciadas atoparon na
cidadanía esoutro relato que sobreviviu, non sen loitar a súa propia
batalla, ao silencio e a represión daquela longa noite que aínda non viu
o amencer.
A memoria histórica é unha cuestión complexa que, segundo lembra
Lourenzo Fernández, catedrático de Historia e integrante do grupo
Histagra da universidade de Santiago, responde a diferentes definicións:
o movemento memorialista, o coñecemento dese "pasado incómodo", a
propia lembranza das persoas dese pasado ou a historia en si. Malia o
dinamismo da iniciativa cidadá no primeiro ámbito, "logo da entrada no
Goberno da dereita" e co "desinterese activo polo tema" moitas
actividades ficaron freadas, indica Fernández.
É o caso de dúas das liñas máis visíbeis: as escavacións das fosas e o recoñecemento das vítimas. Así, un proxecto como Nomes e Voces,
do que foi impulsor, que pretendía crear un gran centro da memoria
"leva agardando anos", paralizado. Con todo, o fondo reúne e recoñece
máis de 14.000 vítimas de malleiras, asasinatos, violacións, procesos
xudiciais ou calquera das múltiples formas de violencia exercidas polo
réxime.
O baleiro político
"Agás algunhas excepcións hai que ser críticos coas políticas
públicas de memoria, no caso da Xunta totalmente inexistentes", di a
xornalista Montse Fajardo, integrante de Iniciativa Galega pola Memoria
(IGM). "Non só non suman, senón que restan moitas veces", denuncia. Así,
a sociedade civil viuse obrigada a asumir "un papel básico que deberían
desenvolver as institucións", nun labor modélicodurante décadas, mais
que non tería que depender do esforzo das familias, que corren, por
exemplo, cos gastos das escavacións. "Ten que haber unha política
pública de memoria", afirma, apelando á responsabilidade ética de
cuestións como a retirada de simboloxía, que requiren unha posición
clara.
"Hai que ser críticos coas políticas públicas de memoria, no caso da Xunta totalmente inexistentes", denuncia Fajardo
Para a Deputación de Lugo, a entrada da nova lexislatura foi
transcendental, pois creouse unha área específica de Memoria Histórica,
conta o deputado responsábel, Efrén Castro. Aínda botando a andar, por
primeira vez a Deputación celebra o Día da Galiza Mártir cun acto
organizado en Sarria. Aliás, tal e como levaban pedindo moitos anos,
onte retiraron os cadros dos presidentes do organismo da época da
ditadura, que se mantiñan aínda nos corredores. "En calquera democracia
moderna isto tiña que producirse hai anos", afirma Castro. Desde a
consciencia de que "queda moito por facer", están a explorar vías de
colaboración con asociacións que levan anos desenvolvendo o seu traballo
no eido.
É isto, xunto á pedagoxía a través de xornadas ou outras actividades,
o que segundo a deputada de Pontevedra María Ortega teñen marxe para
levar a cabo desde institucións como as deputacións, que carecen de
competencias lexislativas para realizar moitas accións fóra de actos
mais ben simbólicos. "De nada vale unha lei de memoria sen partidas
orzamentarias", critica.
"De nada vale unha lei de memoria sen partidas orzamentarias", critica a deputada María Ortega
Con todo, o labor de apoio pode dar un pulo importante. Así o
demostra o traballo da Deputación da Coruña, co Pazo de Meirás e a Casa
Cornide como "puntal" que levou a abrir "moitos debates", recoñece o
deputado Xurxo Couto. De aí xurdiría o compromiso coa recuperación do
patrimonio espoliado a través da creación da Xunta Pro Devolución do
Pazo, unha causa que o pasado mes chegaba a xuízo e da que agardan ter
novas cara a finais de agosto ou comezos de setembro. Ademais, Couto
sinala a vontade de seguir loitando noutros ámbitos relacionados.
Un novo relato
Desde o punto de vista do coñecemento do pasado, Fernández sinala
dous elementos que están a xogar un papel fundamental na investigación:
"Fáltanos incorporar os verdugos e integrar a lóxica histórica do
movemento guerrilleiro no tempo do antifascismo dos anos 40". Nestas
liñas encádranse traballos como o libro 1936: un novo relato,
do que o historiador é coeditor. Aínda que meterse cos verdugos "levanta
resistencias, precisamos entrar niso porque senón temos pantasmas do
pasado en vez de coñecemento", adirma, con dinámicas nas que as vítimas
son "culpábeis" e non "asasinadas".
"Canto máis entendemos o presente, máis necesitados estamos de coñecer, recoñecer e integrar o pasado como o que realmente foi", afirma Fernández
Doutra banda, o catedrático apunta a entender a colaboración e
participación activa entre 1936 e mediados dos anos 50 "nun movemento
armado antifascista de resistencia" non de maneira endóxena, senón no
contexto europeo da II Guerra Mundial, alén de inserilo na lóxica
democrática, como se fixo en Italia, Francia ou Polonia.
"Canto máis entendemos o momento presente, máis necesitados estamos
de coñecer, recoñecer e integrar ese pasado como o que realmente foi",
afirma Fernández. Hai que comezar a ver o período do golpe, a guerra e a
ditadura "dunha forma xeracionalmente distinta", engade. Fajardo
transmite neste senso unha mensaxe positiva, pois detecta nesa "xeración
das bisnetas" moito interese. "O discurso de dous bandos enfrontados en
igualdade de condicións xa non lles convence", asegura. Por iso, aínda
que este foi un ano moi duro –co falecemento de Margarita Caballero,
Mariquiña Villaverde, Elvira Varela Bao, Antonio Nores ou Chato
Galante–, considera que o relevo está garantido e a recuperación da
memoria é xa "imparábel".
Perspectiva de país
"Ten que haber unha política con perspectiva de país, porque o que
pasou na Galiza non é o mesmo que en Estremadura. Aquí non houbo unha
guerra civil, non tivemos bandos, senón un xenocidio desde que cae Tui",
reclama Fajardo. Fernández pon de exemplo o uso do termo maquis para
referise aos fuxidos, á xente do monte, como se chamaba na Galiza desde
a memoria popular. Aquí teriamos que falar de "toxeiras" como
equivalente ao nome francés da planta que aludía o movemento
antifascista, o galicismo "deturpa e case coloniza a nosa propia
memoria", explica Fernández. O que non exime de contextualizar as
técnicas de represión na Galiza, que prefire denominar "persecución e
matanzas", en estratexias inventadas polos fascistas italianos entre
1919 e 1922.
Aquí teriamos que falar de "toxeiras" como equivalente ao nome francés da planta que aludía o movemento antifascista, o galicismo "deturpa e case coloniza a nosa propia memoria", explica Fernández.
Fajardo apunta ademais a necesidade dunha memoria histórica con
perspectiva de xénero e de clase. Cos grandes nomes cómpre así recuperar
os da xente obreira asasinada por estar sindicada ou as formas
específicas de represión cara ás mulleres, con prácticas de castigo
diferentes, a través de compoñentes moi sexuais.
Trátase, en resumo, de formularmos "novas preguntas para ter un novo
relato, fronte ao dominante dos verdugos", insiste Fernández, "porque
gañaron e dominaron a memoria, os medios de comunicación, definindo os
límites durante 40 anos e durante outros 40 o asunto quedou máis ou
menos conxelado".
Rematar coa impunidade
"Queda, en definitiva, rematar coa impunidade que tivo o franquismo
pola continuidade do réxime nunha democracia onde se seguiron tolerando
moitas prácticas anteriores", reivindica Fajardo. Para Castro resulta
especialmente importante rescatar do silencio esta memoria "nun momento
como o actual, no que co rexurdir da ultradereita mesmo comeza a haber
certo negacionismo dos crimes atroces da ditadura fascista".
Para a xornalista "avanzar en memoria é avanzar en democracia. Temos
que romper coa herdanza económica e ideolóxica", sinala Fajardo, deses
"lazos que nos atan á ditadura e nos fan unha rara avis en
Europa". Neste senso, Ortega considera a falta de liberdade para tratar
estes temas como síntoma dunha "democracia aínda en cueiros". "Temos que
seguir reclamando a modificación dunha Lei de amnistía que é a gran
cómplice da impunidade", acrecenta.
En canto a cuestións máis concretas, pon o foco, alén de na vixente
loita pola recuperación do patrimonio espoliado, da que axiña teremos
noticias, na polémica cuestión dos usos de San Simón: "Non pode seguir
sendo un parque de atraccións para facer xincanas. Ten que ser unha illa
da memoria, e as actividades ter en conta que alí houbo un campo de
concentración franquista".
Fuente → nosdiario.gal
No hay comentarios
Publicar un comentario